BLOG DA PROFESORA E ARTISTA PLÁSTICA PAULA MARIÑO


martes, 18 de abril de 2017

ARTISTAS ITALIANAS DOS SÉCULOS XVI E XVII. SOFONISBA ANGUISSOLA (Parte III)


Sagrada familia. 1592

 VELLEZ EN ITALIA

 Viaxando cara a Cremona, Sofonisba coñeceu ao nobre xenovés Orazio Lomellino, considerablemente máis novo que ela, o capitán do barco no que viaxaba. Casáronse en 1579 en Pisa. Orazio recoñeceu e apoiou o seu traballo de pintora e establecéronse en Génova, nunha gran casa onde puido ter o seu propio estudo e tempo para pintar e debuxar. A fortuna persoal de Orazio, ademais da xenerosa pensión que lle outorgou Felipe II, permitiu a Sofonisba pintar e vivir libre e cómodamente. Sendo famosa daquela, recibiu a visita de moitos dos seus colegas, influíndo en moitos deles que aprendían e imitaban o seu estilo, pois na  súa obra destaca, sobre todo, a falta de rixidez, a mirada directa da persoa retratada que non se presenta como obxecto ou como idealización, senón como persoa, e o intelixente tratamento de luces e sombras.


Retrato de muller nova. 1601


Autorretrato de 1610

 En 1623, visitouna o pintor flamenco Anton van Dyck, quen pintou varios retratos dela a principios de 1600, e fixo bosquejos das súas visitas a Sofonisba no seu cadernos de notas. Van Dyck dixo: «Aínda que a súa vista está debilitada, mantense aínda moi alerta mentalmente». En contra do que algúns biógrafos reclaman, ela nunca se chegou a quedar cega; quizá tivo cataratas. Morreu en Palermo en 1625. Na súa tumba aparece unha inscripción na que se lía, en parte: «A Sofonisba, a miña muller [...] quen é recordada entre as mulleres ilustres do mundo, destacando en retratar as imaxes do home [...] Orazio Lomellino, apenado pola perda do seu gran amor, en 1632, dedicou este pequeno tributo a tan gran muller».


Apunte de Van Dyck, Sofonisba de vella.


Sofonisba retratada por Van Dyck.

 Un total de 50 obras foron atribuídas con seguridade a Sofonisba. Os seus cadros poden ser vistos nas galerías en Bérgamo, Budapest, Madrid (Museo do Prado), Milán (Pinacoteca de Brera), Nápoles, Siena e Florencia (Galería Uffizi). A súa obra ha ter enorme influencia nas xeracións de artistas posteriores de tal xeito, que  o seu retrato da raíña Isabel de Valois cunha pel de marta cibelina foi o retrato máis copiado en España. Pintora de estilo clásico, a súa obra estivo centrada sobre todo nos retratos cortesáns onde gustaba de colocar certos obxectos que reflectisen o carácter do retratado, modelando asemade as figuras a través dunha pincelada sutil e unha iluminación difusa que adoita envolver aos personaxes, representados case de fronte ao espectador e cunha mirada directa, conectando ambos os mundo emocionalmente.


Isabel de Valois.


Retrato dun matrimonio.


Último autorretrato de Sofonisba. Ca 1625

 Ademais destes, perténcenlle unha boa colección de autorretratos, dos que se conservaron 16 lenzos, nos que aparece demostrando a súa formación artística (pintando, tocando o espinel) e vestida con caras roupaxes propias da nobreza. Porén, nunca tivo dun taller oficial, como si tiveron pintores masculinos do momento, e a súa posición social lle impediu asinar a autoría dos lenzos.
 Sofonisba é tamén moi importante para o feminismo, pois aínda que viviu nunha época onde as mulleres estaban completamente ausentes das artes visuales debido á forte sociedade patriarcal, o gran éxito de Anguissola abriu o camiño a un gran número de mulleres que quixeron seguir a carreira de artista como Lavinia Fontana, Bárbara Longhi, Fede Galizia ou Artemisa Gentileschi.

No PHOTOPEACH, os autorretratos da artista.

SOFONISBA ANGUISSOLA on PhotoPeach

No hay comentarios:

Publicar un comentario