BLOG DA PROFESORA E ARTISTA PLÁSTICA PAULA MARIÑO


martes, 17 de noviembre de 2015

PROXECTOS 2015, na sala do Espazo EMAO


 A Exposición Proxectos 2015 recolle os resultados materiais do traballo do alumnado da Escola de Artes e Oficios de Vigo que, unha vez rematados os cursos previstos no Plan de estudos da súa especialidade, presentaron un proxecto para desenvolver unha proposta artesana e/ou artística singular durante o curso 2014-2015, baixo a titorización do profesorado de cada especialidade. Os proxectos presentados este ano posúen unha particularidade, non tan presente noutras mostras: a colaboración entre os distintos obradoiros, o  que lle confire unha maior singularidade e trasversalidade incidindo así nun dos obxectivos formativos da nosa Escola.

Fotos da montaxe das pezas do obradoiro de Pintura






 O alumnado de Proxectos na aula de Pintura desenvolveu distintas propostas pictóricas que van desde a investigación coas texturas e distintos materiais de Juan M. Avendaño, quen traballou varias pezas onde o título O PROCESO E A INVESTIGACIÓN COA TÉCNICA MIXTA está presente nestas pezas que, a partir de moitos bocetos e debuxos previos, tivo como resultado varios lenzos con elementos inusuais como lixa, cartón e madeira sobre óleo, que conforman unha sorte de collage, ata o emprego do collage en gran formato de Teresa Romero, no que a ensamblaxe de recortes de revistas, fotos de cadros e papeis, enxérganse coas técnicas de acrílico, óleo e pastel, forzando o formato tradicional do collage sobre papel, nunha horizontalidade que ten como soporte a madeira, na peza OS MARMURIOS DO BOSQUE.


Juan M. Avendaño


Teresa Romero

 O collage está presente tamén nas pezas sobre madeira de Uxía Rodríguez, quen aporta cos pezas PELES, una nova visión á técnica mixta no emprego de peles de mamíferos -en colaboración coa aula de Repuxado en Coiro- e de peixes, tratados previamente, nos que traballou con distintos útiles en acrílico e técnica mixta. Do mundo do collage participa tamén a proposta de Monique Boeree, quen a partir de lembranzas e de fotos antigas recolle parte da súa infancia -un barco no que viviu durante varios anos- a partir dunha visión da paisaxe moi próximo ao seu compatriota Vincent Van Gohg, na súa peza O PASADO CHÁMASE FUTURO, cun collage sobre papel.


Monique Boeree

 Ben distintas son as propostas en óleo de Elena Riveiro, quen a partir de distintas fotografías tomadas persoalmente e de bocetos en pequeno formato, nas súas pezas MARIÑAS, o estudo da luz e a ausencia de figuras humanas, perto da estética romántica, preséntanos distintas paisaxes mariñas onde a cor ten un valor fundamental. Luz Sánchez retrata tamén en óleo a contorna dunha vila, da que realizou tamén diversos bocetos ao natural e distintas acuarelas, mais o emprego da espátula como útil trazador, de aí o título da súa proposta, INVESTIGACIÓN SOBRE O TRABALLO CON ESPÁTULA, ue fai que as súas pinturas, aínda que exentas de figura humana, nos acheguen a un lugar cálido onde a luz xoga tamén un papel importante. O emprego da espátula está tamén presente na proposta de Eva Romero, quen en OS ROSTROS DE EVA, emprega o acrílico para amosarnos un xogo conceptual co expectador, na representación de arquetipos femininos, establecendo un diálogo entre as deusas gregas e as mulleres actuais, nesta peza na que o espazo en branco e o emprego da espátula delimitan o espazo simbólico.
Clara Villar, traballa co concepto de pintura-pintura, na súa peza ABSTRACCIÓN, DANZA, a partir de debuxos retomados de traballos que se fixeron na aula de pintura, e que realiza en técnica mixta cunha gama cromática moi reducida a que dota dun forte movemento, e na que a cor prata dálle unha nova visión ás figuras.


Elena Riveiro


Luz Sánchez


Eva Romero

A ruptura tanto no emprego dos materiais como na estética, está presente nas pezas de Marisa Codon, quen a partir do emprego do ready made, planchas de caucho atopadas na rúa nas que o paso do tempo está moi presente, realiza un conxunto de pezas no que a imaxe real e a atopada preséntanse como se dun espello se tratase, e no que o concepto de instalación e de xogo co espectador está moi presente, na súa proposta O DISCURSO VISUAL.


Marisa Codon


Fotos da inauguración









No hay comentarios:

Publicar un comentario