BLOG DA PROFESORA E ARTISTA PLÁSTICA PAULA MARIÑO


domingo, 26 de abril de 2015

DA XEOMETRÍA Á DESORDE, DA DESORDE Á XEOMETRÍA: detalles dunha mostra (Parte I)



Foto co alumnado participante na mostra

 O venres 24 de maio o alumnado de Pintura da Escola de Artes e Oficios de Vigo inaugurou a mostra co título  DA XEOMETRÍA Á DESORDE, DA DESORDE Á XEOMETRÍA, que amosa o traballo realizado desde o mes de outubro ata a actualidade, nas distintas técnicas traballadas na aula: óleo, acrílico e pastel, así como en diversas técnicas mixtas.

 Como comisaria, pareceume  importante que todo o alumnado participara na mostra, debido a calidade das pezas realizadas a partir dun eixe común: a experimentación e o traballo constante. A peza de maior tamaño da mostra, parte dun xogo: a pintura automática, que desenvolve as formas e cores desde a expresión en pezas pequenas e bocetos, para rematar nunha obra de carácter marcadamente xeométrico, pero que contén na súa execución o paradigma  da expresividade e dunha cor, liberada en certo modo da forma.  En primeiro lugar os grupos de Iniciación realizaron un xogo de pintura automática, con lápiz, que foi posteriormente reelaborado en pequenos bocetos a pastel, dos que elexiron un, para facelo en formato de 57 x 70 cm e que daría lugar a unha obra de gran formato realizada en acrílico sobre lenzo polo alumnado de Perfeccionamento.



Resultado final do boceto en acrílico


BOCETOS EN PASTEL

DA XEOMETRÍA Á DESORDE, DA DESORDE Á XEOMETRÍA. PASTEL on PhotoPeach

 A ELECCIÓN DAS PEZAS

 A mostra participa de dous estilos pictóricos que foron dominantes a principios do século XX: a abstracción xeométrica e a abstracción expresiva, que parecen ser opostas e complementarias, mais na  actualidade, estas dúas tendencias que no século XX, eran case antagonistas, confúndense, mestúranse,  dilúense.

 Na ABSTRACCIÓN XEOMÉTRICA, orientada segundo o cálculo, o rigor e a norma, priman o obxectivo e os valores universais, cunha planificación da obra sobre principios racionais, previos á creación, mentres que os elementos visuais carecen de expresividade debido ao emprego de elementos neutrais, xeralmente xométricos, de factura un tanto impersoal, onde impera a claridade, a precisión e a obxectividade, en composicóns sistemáticas e moi estruturadas.

 Na ABSTRACCIÓN EXPRESIVA, que fai a súa andaina polo camiño da expresión inmediata, espontánea e directa, as obras están abocadas a un certo “desorde”, mais esta desorde non é real, pois prima a composición, sempre necesaria, aínda que a obra sexa subxectiva e expontánea, a partir de métodos de creación impulsivos e improvisados. Por este motivo estas obras revelan unha grande expresividade, e a capacidade expansiva e expresiva dos materiais é fundamental. Estas composicións asistemáticas e aparentemente faltas de estrutura, que apuntan á ambigüidade e á suxestividade, levan unha racionalide que se basea na pulsión controlada, no imperio dos sentimentos que na arte contemporánea está moi presente. 
No PHOTOPEACH, as diferentes pezas xeométricas e expresivas que aparecen na mostra.

DA XEOMETRÍA A DESORDE. XEOMETRÍA on PhotoPeach
DA XEOMETRÍA Á DESORDE. LÍRICA E EXPRESIVA on PhotoPeach

No hay comentarios:

Publicar un comentario