BLOG DA PROFESORA E ARTISTA PLÁSTICA PAULA MARIÑO


domingo, 9 de noviembre de 2014

PROXECTOS 2014



 O pasado venres 7 de novembro, inaugurouse na Escola de Artes e Oficios, no ESPAZO EMAO a mostra “Proxectos 2014”, cunha ampla representación de alumnas da aula de Pintura. En total oito alumnas presentaron pezas nas  que realizan distintas reflexións sobre a praxis pictórica que van dende a conceptualización do “xeito de mirar” nas pinturas de Elena Rodríguez desde un punto de vista tradicional en canto ao emprego do óleo e a figuración na busca dun “locus” que pasa desapercibido para quen camiña, ata a proposta máis clásica en canto a relación figura-fondo nas obras de María Ponce pero que entende o modo de enxergar a imaxe no fondo a partir da negación da forma e no que tamén cobra unha importancia fundamental o formato, que varía según as pezas.


Elena Rodríguez, ante as súas pezas, da serie POR ONDE PISO


Peza de María Ponce

 Tamén Herminda Riveiro bebe da figuración, maís nas súas obras a importancia da subxectividade no emprego da cor nos remiten as primeiras vangardas da arte galega, nun traballo exhaustivo de investigación en canto ao emprego da cor e a pincelada. O óleo será, xunto coa técnica mixta a técnica que aparece na proposta de Silvia Pérez, quen reinterpreta a paisaxe a partir dunha mirada ao Romanticismo nesas pezas das que xurden espazos infindos e nos que afonda nunha estética do despoxamento cercana ao minimalismo.


 Herminda Riveiro e as súas tres pezas


Panorámica das dúas pezas de Silvia Pérez

María Pérez emprega tamén o óleo, xunto co collage e o gravado, nun traballo que parte dunha liña de investigación en canto as imaxes anterior, e que afonda asimesmo en aspectos como o emprego de distintos soportes e o ensamblaxe, algo que tamén aparece no carácter experimental e moi poético  das pequenas pezas de Loli Villar, quen realiza tamén moitos bocetos previos as pezas que nacen dunha reflexión sobre a arte, a ciencia e a tecnoloxía, no que a emoción está moi presente.


Obras en óleo de María Pérez


Lola Villar ante as súas exquisitas e pequenas pezas 

. Nas pinturas de Marián Rodriguez a experimentación cos materiais a achegan ao mundo surrealista desde a obxectividade do punto de partida –fotos-  e o emprego de texturas que dan paso a obras autorreferenciais a partir de figuras desubicadas en espazos reducidos. Finalmente, tamén a experimentación esté enxergada na poética das pezas de Boché Pérez, nun traballo que desenvolve ideais moi persoais sobre o mundo que a rodea, pois os seus “feixes e peixes” conforman unha sorte de imaxes nas que a paisaxe galega está presente, aínda que  descontextualizada nesas herbas, cortizas e feixes a partir da abstracción e a técnica mixta.


Detalle dunha peza de Marían Rodríguez


Boché Pérez, ante a súa proposta en técnica mixta

 Estes traballos e pezas responden a idea de proxecto como conxunto de actividades –tanto intelectuais como procesuais- que fanse para acadar un determinado obxectivo, que neste caso teñen o nexo común da pintura e que poden considerarse como proxectos sociais ou públicos que  xurden como resposta a unha necesidade: o de facer visible o invisible.

OUTRAS FOTOS DA MOSTRA


Lorena, alumna na actualidade da aula de Pintura ante a súa proposta da aula de Debuxo


Olimpia, alumna na actualidade da aula de Pintura ante a súa proposta da aula de Debuxo


Peza da aula de Escultura e Talla en Madeira



PROXECTOS 2014. PINTURA on PhotoPeach

No hay comentarios:

Publicar un comentario