BLOG DA PROFESORA E ARTISTA PLÁSTICA PAULA MARIÑO


sábado, 8 de marzo de 2014

LOW COST, mostra na sala do BBVA, en VIGO.


 

 Onte inaugurei a miña exposición na sala do BBVA en Vigo, onde estiven acompañada de moit@s amig@s, familiares e dunha representación importantísima de alumn@s actuáis e de anos pasados que tiveron a ben estar comigo nesta última mostra dos meus traballos.

Déixovos o texto que explica a mostra e fotos como testemuña do que ocorreu na sala.

LOW COST. TEXTO

O feito de non separar hoxe en día arte e vida, no caso das mulleres artistas, perde o seu carácter pexorativo, ante o privilexio da arte de converter o individual en universal. Existe unha grande importancia na “Estética da Diferencia”, pois o excéntrico serve como modelo para  a construcción da nosa propia identidade distinta ao modelo dominante, na reivindicación da subxetividade non só na obra senón en como a reformulamos. Na montaxe desta exposición denominada LOW COST, hai unha intencionalidade na presentación das pezas como algo efémero, inconsistente e fóra da ampulosidade dos formatos de gran tamaño e da grandielocuencia que comporta tradicionalmente o modelo masculino na arte. Nesta defensa do  pequeno formato, existe  a idea dunha presenza-ausencia  afastada do “gran xesto”, e forma parte tamén da miña resposta en tempos de crise, pois con estas pequenas pezas, pretendo reivindicar a eliminación da “aura”, da perda da sacralización da obra de arte, presentándoa como se estiveramos nunha tenda de roupa.
 
 
 Esta REpresentación emprega a ironía ante un presunto “mundo feminino”, no rexeitamento da comercialidade. A resposta ante a crise supón tamén a ironía fronte ao mercado e fronte ao  idioma, pois empregando como título o inglés, en vez de palabras na nosa lingua como SALDOS ou ben REBAIXAS, tento facer unha  defensa da nosa propia identidade, afastada dun idioma dominante que nos ten colonizados e colonizadas. Ante a posibilidade de ironizar sobre a tentativa de comerciar coa obra da arte como se fose calquer obxecto de consumo, existe pola miña parte unha reflexión sobre o meu traballo nunha retórica da representación, que ao mesmo tempo forma parte dunha “catarse” ao desfacerme “do vello” para instalarme nunha nova realidade.  Desfacéndome de obras vellas, reinterpretándolas e manipulándolas, converto asimesmo á sala de exposición nunha sorte de “Centro Comercial”.
 
 Pois si, como “guerrilleira ca cultura”, tento  abrir fendas na vida da arte e da súa comercialización. Por este motivo concibo a mostra como un proceso que será fotografado, pois tras a venda de cada unha das obras, aquila desaparecerá da exposición, quedando na parede un punto  vermello. Este rexistro fotográfico forma parte do proceso reflexivo sobre a posibilidade da comercialización da arte e da súa exposición ante o público.

 As pezas de pequeño formato, son parte dunha defensa sobre as primeiras artistas das que teño constancia como historiadora da arte: as miniaturistas, e concéntrase tamén no interese dunha produción que non ten nada que ver coa produción fetichista do obxecto, senón nun acto de clarificación persoal, que incorpora parte das catacterísticas que  estén presentes ao longo do tempo nas miñas propostas, pezas nas que aparecen: o recorte, as caligrafías, cosidos e o papel que aparece como un tecido, e que ten relación coas áreas das manualidades, vencelladas desde sempre ao traballo feminino, e que ao mesmo tempo reivindica algunhas das características ou “categorías estilísticas” que determinan o esquema patriarcal do traballo da muller artista: a fragmentación, o tamaño reducido e o emprego dos materiais pobres, tratando de rachar os estereotipos ofensivos para as mulleres de tal xeito, que o tratamento imaxinativo da exposición modifique eses aspectos.


 Finalmente, non toda a muller que traballa na arte ten que formar parte dunha liña feminista de choque, nin falar do tema da identidade sexual, pois o feito de traballar como artista, implica unha posición dentro do mundo que escapa da imaxe que o patriarcado tenlle asignado ao noso xénero, e de todo os xeitos o prantexamento feminista estaría no rexeitamento dun posicionamento a favor da “orixinalidade e excentricidade”, que forman parte do arquetipo do “artista moderno” e das leis do mercado, de aí a liberdade tanto en formatos como na temática desta mostra.

 
 

 As mulleres artistas tentan rachar tabúes e se reinterpretan na actualidade, investigando e inventado os seus propios modelos, mentres fuxen dos estereotipos asignados.

 Nesa estamos.
 Vigo, 7 de marzo de 2014

No hay comentarios:

Publicar un comentario