BLOG DA PROFESORA E ARTISTA PLÁSTICA PAULA MARIÑO


miércoles, 30 de enero de 2013

GIORGIO MORANDI

Proposta para a aula de iniciación: Estudio do artista italiano Giorgio Morandi.


Morandi nace en Bolonia en 1890 nunha familia de clase media e dende moi novo maniféstanse nel tendencias artísticas que o levan a cursar estudios na Academia de Belas Artes da súa cidade natal entre os anos 1907 e 1913. Neses anos comenza a definirse a súa linguaxe, singular e alonxada das estéticas do momento, ao igual que a súa vida que estivo sempre inmersa nunha atmósfera tranquila e silandeira.


Neses anos o artista entra en contacto coa obra de Cèzanne, de Derain e Rousseau, así como de Picasso e Braque, sen abandonar a influencia que teñen nel os Mestres renacentistas como Paolo Ucelloo, Goitto ou Masaccio. No ano 1913 consegue unha modesta praza de profesor suplente en escolas elementais, que abandona no ano 1929 para dar clase en aldeas perdidas da zona de Emilia, tamén en Italia. Será no ano 1913 cando entre en contacto cos Futuristas cos que expón na “Primeira Exposición Futurista Libre” en Roma no ano 1914. A guerra frea a súa carrera como gravador, pois tras ser chamado a filas enferma gravemente e ten que ser ingresado nun hospital. Aínda que nestes anos pinta pouco e destrúe a meirande parte do seu traballo, leva a cabo un profondo proceso de reflexión que desemboca no ano 1918 no denominado “periodo metafísico”, ano no que coñece a Mario Broglio, que o leva a exponer en varias cidades alemanas e Italia.


Mantén durante anos contactos coa intelectualidade europea, pero sempre alleo as controversias, e expón tanto dentro como fóra de Italia, continuando a súa tarefa docente e conseguindo no ano 1930, unha cátedra de gravado na Academia de Belas Artes de Bolonia, da que será titular ata o ano 1956. O prestixio internacional chégalle cando no ano 1948 acada o galardón de Pintura na Bienal de Venecia e distintos premios na Bienal de Sao Paulo na década dos cincuenta. Morre en Bolonia, tras unha longa enfermidade no ano 1964.


A súa obra posúe un estilo persoal desde os seus primeiros paisaxes para acadar unha simplificación formal nas naturezas mortas, na busca do esencial, con botellas e obxectos que someta a unha forte abstracción aínda que non elimina a súa identificación formal. Estes bodegóns, ocúpanse dos valores da pintura, e posúen unha individualidade moi acusada, de pincelada ancha, discreta e de pintura densa.


Os obxectos soltos, coidadosamente distribuidos sobre unha mesa estreita, exenta xeralmente de modulacións, coma unha Piazza pavimentada, revelan a influencia de Cèzanne, pero remata cunha estética persoal no xeito de aludir a formas tridimensionais e superficies planas.


Hai na súa obra un intento de transformar o íntimo en algo monumental,e o ordinario en algo salientable mediante a invención pictórica, en obxectos que están tan xuntos que superpóñense, se ocultan total ou parcialmente alterando os seus rasgos máis recoñecibles, ou individualizando a outros, que agrupa para estúdialos nas súas relación plásticas e formais.


A cor é mate, apagada e neutra, as veces emprega branco ou gris para eliminar os reflexos e accidentes como se representara arquetipos abstractos, nunha grande simplicidade formal, non conceptual, que en palabras de Giorgio de Chirico defínese como: “a metafísica dos obxectos máis comúns”.

Páxinas web

http://es.wikipedia.org/wiki/Giorgio_Morandi http://epdlp.com/pintor.php?id=2771 http://www.imageandart.com/tutoriales/biografias/morandi.html http://www.mambo-bologna.org/en/museomorandi/ http://www.artcyclopedia.com/artists/morandi_giorgio.html

No hay comentarios:

Publicar un comentario