BLOG DA PROFESORA E ARTISTA PLÁSTICA PAULA MARIÑO


sábado, 5 de enero de 2013

"As voces baixas" de Manuel Rivas

Hoxe rematei de ler a última escrita de Manolo Rivas, esa lembraza enchida de recordos que parecen lonxanos, pero que están na memoria colectiva da nosa nenez. Lembranza agridulce e ao mesmo tempo leda, que vai desgranando situacións e personaxes que non nos son alleos: a vida nesa pequena aldea, O Castro de Elviña, perto da cidade, lugar máxico e mítico onde a historia permanece pendurada no tempo; todos os medos, sobre todo os primeiros medos (os da nenez) e o nacemento dunha paixón, a de contar historias, historias que dun xeito oral pertencen a unha saga familiar de traballadores, que están en relación coa arte e artesanía: o avó carpinteiro, as tías sastras ou o pai músico, que nun movemento universal de xenerosidade regala o saxo a alguén que o vai necesitar para sobrevivir. Tamén está en todo o libro a pegada transparente e necesaria da súa irmá máis vella na súa existencia, esa nena que nos mira dende a portada e que semella a xemelga do escritor, que despega do fogar cunha forte vontade, na percura do seu propio camino vital. Valente e decidida, para min, ela é o pretexto para escribir este libro, que penso eu, nace da necesidade da homenaxe, de espantala norte facendo que a súa presenza (a da irmá) permaneza para sempre na nosa memoria. Escrita con esa prosa fermosa e rica en verbas de Rivas, “As voces baixas” é, como di Rivas na contraportada “unha construcción de humor e dor”, que a min deixoume engaiolada.

No hay comentarios:

Publicar un comentario