BLOG DA PROFESORA E ARTISTA PLÁSTICA PAULA MARIÑO


martes, 27 de noviembre de 2012

DIANE ARBUS E OS FREAKS (Parte I)


Moitos artistas buscan a través do seu traballo liberar os seus particulares demos, e dende a metáfora, liberar dalgún modo os seus fantasmas e terrores. Diane, fíxoo mediante as súas fotografías poboadas de personaxes singulares, fotografías nas que existe un morbo case infantil, na busca de monstros arrebatadoramente humanos, que proveñen dun mundo de pesadelo.

 Arbus, nas súas incursións pola peores rúas de nova York, coa súa cámara a punto de disparar en calquera momento, a altas horas da noite, vai ao encontro do grotesco, do horroso, nun traballo que pode enmarcarse dentro dunha estética da ruína, do monstruoso. De aí a súa singularidade nun momento en que o fotoxornalismo era a estética a seguir, unha moda na que a fotografía era como unha poética da vida cotiá, e que pode rastrexarse nos fotógrafos importantes dese momento Cartier-Bresson e Elliot Erwin, os cales conviven con novas promesas como Irving Penn e Avedon. Diane Arbus afástase estrepitosamente desa moda, pois dende o seu nacemento presente un destino sinistro.
 
 
 
Identical twins. 1967
 
 Diane Neverov nace nunha familia xudía adiñeirada de Nova York e cambia o seu apelido polo do seu marido Arbus, con quen casa aos 18 anos tras catro de noivado. Provén dun mundo con regras estritas que a afoga e decide cuspir á cara verdades como puñais, berrando para que a oian, para afastar os seus propios demos dende a trincheira da súa cámara. Confundida e condicionada pola súa educación, cede a súa liberdade como muller, pola liberdade como fotógrafa. Cásase e ten dous fillos, traballa co seu marido en fotografías de moda para revistas tan prestixiosas como Esquire, Vogue e Harper's Bazaar, e accede ao seu papel social, pero revélase cando realiza as súas fotografías con temas non aceptables pola sociedade do momento: xemelgas, enfermos mentais, xigantes, ananos, familias disfuncionales, fenómenos de circo e nudistas.

 Cando fala da súa infancia e da súa vida matrimonial di: "O único que sentía era a miña sensación de irrealidade".
 
 
 A Jewish giant at home with his parents in the Bronx.1970

1 comentario:

  1. http://rebecapardo.wordpress.com/

    Sitio very interesting de fotografía y más..

    ResponderEliminar