BLOG DA PROFESORA E ARTISTA PLÁSTICA PAULA MARIÑO


lunes, 19 de noviembre de 2012

CAMILLE CLAUDEL, “A PROHIBIDA” (1864-1943)


 A biografía de Camille non é moi diferente da vida de moitas outras creadoras, marcadas pola loucura e o suicidio, artistas que aparecen reflectidas tanto no mundo da literatura da finais do século XIX, como nas biografías de diferentes creadoras do século XX, desde Sylvia Plat até Diane Arbus. Son mulleres que tentan saír dun sistema opresor grazas ao delirio, que xorde cando a muller arrisca a súa identidade dentro dun sistema que a exclúe, cando non acepta a insubmisión. A histeria e o suicidio serán as únicas dúas saídas posíbeis, nas creadoras que se enfrontan a sociedade e que non desexan  resignarse ao papel asignado polo patriarcado.
 Camille, achégase a loucura debido aos acontecementos que marcaron a súa vida: o rexeitamento por parte dos poderes fácticos do mundo da arte da súa obra nos seus últimos anos creativos, a represión levada a cabo pola súa familia e o seu mergullo na soidade imposto por ela mesma, xa que a artista se debatera entre o que lle podería dar beneficios económicos, benestar social e tranquilidade e a súa independencia tanto emocional como artística. Ignorada durante moito tempo, foi denominada a Prohibida (así se titula unha monografía sobre ela).
 
 A pesar de ter unha curta produción, xa que moita da súa obra foi destruída por ela mesma ou ten desaparecido, Camille fixo esculturas dunha grande intensidade , sólida e independente, adiantándose ao que máis tarde sería a escultura contemporánea, e revolucionou o papel da muller artista nun mundo de hombres. O papel transgresor de Camille non impide que o seu traballo sexa recoñecido entre os seus contemporáneos, e foi aceptada a pesar de ser unha artista que saíase das normas e que achegábase a patróns expresivos que naqueles anos, só estaban adscritos ao creador varón. A artista posúe unha admirábel enteireza, unha falta de aceptación da realidade e un orgullo que demostran a súa forte personalidade: aquela a terra coas súas mans desde moi nova, traballa en soidade cando non ten diñeiro para pagar axudantes e mesmo copia corpos espidos de homes, (vetado ás mulleres naquela época) cunha violencia e unha forza inusuais  nunha artista finisecular. Porén, convén subliñar, que será precisamente ese comportamento independente o que a converte aos ollos dos seus contemporáneos nunha excéntrica e nunha tola, polo que remata os seus días nun psiquiátrico.

No hay comentarios:

Publicar un comentario