BLOG DA PROFESORA E ARTISTA PLÁSTICA PAULA MARIÑO


sábado, 17 de noviembre de 2012

ARTEMISIA GENTILESCHI (III)

Dúas versións de “Judit e Holofernes”, reflicten a súa preocupación sobre o papel da muller na sociedade, e algún críticos ven nela, a vinganza da artista sobre o seu violentador (Artemisia foi violada por un dos artistas do obradoiro do seu pai). De feito, a iconografía de Artemisia neste tema, representa unha desviación radical da versión de Orazio –seu pai- sobre o tema. A complicidade das dúas figuras femininas comprimidas nun mesmo espazo, constrúe unha heroína que trascende a moral imposta, cun comportamento na esfera pública que lle era negada ás mulleres. A disposición das miradas das dúas mulleres racha a convencional relación entre o espectador masculino activo e a muller receptora pasiva. Judit heroína bíblica, matao ao xeneral coa axuda dunha serventa, pero o tratamento do espazo así como a colocación das figuras na obra de Artemisia, serán diferentes con respecto a outros artistas como Caravaggio ou Rubens. Judit, no cadro de Artemisia, aparece como unha muller forte, alonxada do noxo que reflicte a cara da heroína de Caravaggio. A forza dramática, sostida en Caravaggio na confrontación dos personaxes, aparece agora na acción. As dúas mulleres enmarcadas nun formato vertical, conforman un cruce de diagonais que poñen en relación aos tres protagonistas da escena. Judit, afástase da muller sedutora e perigosa así como da inxenua, ou médium para o castigo do tirano, ante a violencia exercida que se nos presenta máis próxima, debido ao carácter físico e corpóreo da execución. Así mesmo, no camafeo que porta Judit na cabeza, aparece a representación dun David, -decapitador de Goliat- que será o equivalente varón de Judit, na iconografía relixiosa barroca. No xogo dos brazos e a forza que a muller fai sobre o home, a boca nun xesto serio e a cocentración que posúe todo o seu corpo, mentres agarra o pelo de Holofernes e lle corta a cabeza, ante a forza do home, que tenta rexeitar á criada cunha man enorme, afasta Judit doutras versións do tema. É sen lugar a dúbidas, unha escena violenta, sen sublimar, e poucas veces descrita na historia da pintura, a dunha muller contra un home, nun fondo escuro e baleiro que lle confire un efecto claustrofóbico e resalta o sangue que cae da cabeza de Holofernes, e na que Artemisia, recupera a Judit como protagonista da dúa propia historia, nunha acción en directo, en primeiro plano, que evoca un tempo suspendido. Algúns críticos recoñecen na representación da escena, unha sorte de vinganza de Artemisia, ante a súa incapacidade como muller de salvar a súa honra e mostrando ao mundo a perversidade do seu profesor de perspectiva. A degolación suxire así a castración simbólica de Tassi, pois a cara de Holofernes parece ser un retrato del. Xustiza poética.
Judit e Holofernes.(1614-1620) Óleo sobre lenzo. Galería degli Uffizi, Firenze

No hay comentarios:

Publicar un comentario