BLOG DA PROFESORA E ARTISTA PLÁSTICA PAULA MARIÑO


jueves, 15 de noviembre de 2012

ARTEMISIA GENTILESCHI (II)

Paréceme interesante comentar hoxe unha das obras da artista romana que mellor expresan o recoñecemento da súa feminidade no tratamento dun tema clásico do Barroco: “Susana e os vellos”, unha obra que como tantas outras de Artemisia, reflicten o carácter forte independente das súas heroínas, como no caso de Judit, Esther ou Cleopatra, mulleres as que a pintora da un tratamento especial. En “Susana e os vellos”, Artemisia reflicte no tratamento do espazo a súa anguria ante o acoso dos homes que frecuentaban o obradoiro do seu pai. Na iconografía tradicional, Susana aparece como unha muller sabedora da súa beleza, retratada en xardíns ou perto do baño, sabendose espiada polos vellos, pero non existe anguria no seu rostro, senón un sorriso complacente ante a certeza da súa fermosura. Pero, Artemisia coloca a Susana, sen ningún tipo de adorno, sen xoias en nun lugar onde existe unha barreira arquitectónica. Susana, sentada e cun aceno de anguria se resiste ante as verbas lascivas dos vellos cun xesto de rexeitamento, mentre se elude o voyeurismo evidente noutras representacións de artistas tan importantes como Tintoretto ou Rembrandt. Os homes achéganse perigosamente á rapaza, nunha forte composición piramidal, ante unha balaustrada, que se converte nun muro, como símbolo do desagrado de Susana ante a insistencia dos vellos. A pedra, corta horizontalmente o espazo, negando profundidade ao cadro e empurrando a rapaza ata diante. A luxuria dos vellos, collidos polos ombreiros, pechan a composición reforzando así a violencia non só sexual senon tamén psicolóxica á que se ve sometida muller. Estes dous homes representan a faciana máis brutal do poder, ninguén crerá á víctima, pero Artemisia, narra a súa resistencia. O aceno que un dos vellos fai a quen mire o cadro implica que forme parte do espazo pictórico, e implica tamén un contido moito máis turbador que transforma os convencionalismos da pintura do século XVII e dálle un novo sentido á representación da figura feminina.
Susana e os vellos (1610)

No hay comentarios:

Publicar un comentario